Arela: Desexo moi forte dunha cousa.
Arela. Comunicación sostible: Profesionais da comunicación que buscan proxectos comprometidos co desenvolvemento social, económico e cultural, e que respectan aos profesionais cos que traballan e colaboran.
En Arela estamos afeitos a traballar e construír dende lugares pequenos e aos que se lles saca pouca rendibilidade, como Os Ancares, Ponteareas ou Corcubión, na Costa da Morte. Son lugares nos que é obrigatorio buscar e poñer en valor os recursos que temos ao noso redor. Lugares nos que nos gusta vivir, dende os que inspirarse e traballar conectados con empresas e profesionais de calquera outro punto de Galicia ou do mundo.
Un día coincidimos e confiamos en que se podía traballar nunha axencia de marketing en Corcubión, porque alí hai empresas, autónomos, proxectos…, que teñen algo que dicir. Do que alí aprendemos e do que despois vivimos resulta Arela; do desexo, da convicción de que somos moitos os que miramos o mundo cos mesmos ollos e temos coidado da terra que pisamos.
Estamos rodeados de empresas, de profesionais, que traballan e que constrúen a sociedade que imaxinamos. A nosa responsabilidade é empregar os medios ao noso alcance –as páxinas web, os blogs, as redes sociais, os medios de comunicación tradicionais…–, para que a túa mensaxe chegue o máis lonxe posible.
Presumimos de sostibles porque nos gustan os proxectos que se preocupan por eles mesmos, pero tamén pola xente que teñen ao seu carón e polo sitio no que están. Porque non che imos vender o que non necesitas; así non se constrúe nada. E porque nos respectamos, os primeiros, a nós e ás persoas que traballan ao noso lado.
Un día unha señora en Fisterra berrounos: “Que nunca vos falten as ganas de falar!”. Escribídenos se queredes unirvos á conversa.