Queres traballar con nós?
En Arela queremos incorporar ao noso equipo unha persoa en prácticas a través dunha bolsa FEUGA. Se che gusta o márketing e a comunicación, desfrutas creando contidos, xestionando comunidades online e vives na Costa da Morte (ou queres mudarte aquí), estamos desexando coñecerte!
O perfil que queremos incorporar non precisa ser experto en ningunha área concreta, senón que nos gustaría incorporar a alguén que se poida ir formando e medrando con nós e cos nosos proxectos.
As principais tarefas da persoa que se incorpore serán a creación de contidos para os proxectos dos nosos clientes, cun foco especial nos contidos relacionados ca Costa da Morte. Colaborará na redacción de novas para o diario dixital Que pasa na Costa e na xestión da súa comunidade de usuarios.
Estes son os principais requisitos para os/as candidatos/as:
- Interese pola información, a comunicación e a sociedade que nos rodea.
- Usuaria/o das novas tecnoloxías e activa/o en redes sociais. (Se tes un blog, xestionas algunha páxina de Facebook, Linkedin, Instagram ou Twitter, indícao no teu CV).
- Con inquietudes por investigar e aprender cousas novas.
- É importante que saibas escribir ben –> que che guste a creación de contidos.
- Somos un equipo pequeno, polo que debes ser capaz de participar en diferentes proxectos ao mesmo tempo.
- Activa/o, inquieto/a e curiosa/o, con iniciativa propia e ganas de compartir ideas/solucións co equipo.
Ademais, para poder optar á bolsa de FEUGA, é necesario:
- Ter unha licenciatura universitaria obtida nalgunha das universidades galegas.
- Ser menor de 31 anos.
- Sen experiencia laboral previa.
A bolsa ofertada a través de FEUGA é cunha duración de 6 meses a xornada completa. O posto de traballo estará na nosa oficina de Cee de luns a venres, aínda que temos flexibilidade para traballar en remoto algúns días ao mes. A incorporación será no mes de setembro.
Se esta oferta encaixa co teu perfil e che apetece traballar en Arela, envíanos o teu CV a ola@arela.gal e cóntanos por qué queres traballar con nós.