Opennemas, o CMS para pequenos e medianos xornais dixitais

Comezar a andaina dun diario dixital pode chegar a parecer un camiño complexo, laborioso e custoso, sobre todo á hora de crear unha web cunha estética e organización de calidade. Ademais, a utilización de diferentes utilidades complementarias pero necesarias dentro da páxina, tamén coñecidas como widgets, son elementos que terminan encarecendo aínda máis o seu custo.

Moitos coñecen ós míticos CMS (Sistema de Xestión de Contidos) como WordPress, o gran líder da Internet, ou outros coma Joomla ou Drupal. Mais existen outras alternativas, como é o caso de Opennemas: unha plataforma especializada no soporte aos medios de comunicación e, en xeral, ao xornalismo dixital e “blogging” con múltiples posibilidades e de baixo custe.

Un CMS para xornais dixitais e blogs

Contar cun xestor de contidos pensado para proxectos de comunicación, permite ao equipo que está detrás do proxecto despreocuparse da tecnoloxía e centrarse no que realmente importa: a creación de contidos.

Estas son algunhas das cousas que nos gustan de traballar con Opennemas:

  • A xestión, edición e actualización de contidos é fácil e intuitiva desde o panel de administración.
  • Está pensado tanto para traballar de xeito individual como para crear diferentes roles dentro dun equipo (editores, escritores, deseñadores, publicistas…).
  • Permite certa versatilidade para incorporar contidos multimedia de xeito sinxelo (vídeos, galerías, audio, opinións…).
  • En xeral está bastante ben enfocado para SEO, ata crea unha versión AMP dos contidos. Aínda que nalgunhas das plantillas teñen fallos de implementación técnica que sería preciso corrixir.
  • Pode cambiarse a estrutura da portada arrastrando e soltando os diferentes widgets. Isto permite unha gran versatilidade para crear portadas diferentes, dependendo da actualidade.
  • As plantillas veñen cunhas funcionalidades adaptadas ás necesidades dun xornal dixital, listas para empezar a cargar contidos.
  • Teñen un xestor de anuncios que permite insertar banners en diferentes formatos publicitarios.
  • Ao ser un servizo na nube, é accesible para traballar desde calquera parte do mundo (con conexión a Internet). Permite traballar desde o ordenador, pero tamén desde dispositivos como os teléfonos móbiles, algo que é moi útil para actualizar ou subir contidos que precisan inmediatez.
  • As actualizacións, as melloras da web e o soporte técnico está en mans de profesionais, o que sempre é unha tranquilidade.
  • Ten unha morea de widgets que se poden contratar como extra ao plan de prezos mensual (boletíns de noticias, notificacións push, permite importar contidos directamente desde axencias de novas, contido só para subscritores…).

Mais como calquera plataforma, Opennemas está en constante evolución e hai algunhas funcionalidades que deben mellorar. Algunhas delas son:

  • O xestor de portada é manual e tan só está optimizado para a versión de escritorio, o que fai depender dun ordenador para poder actualizar a portada.
  • O módulo de Axenda non conta cun calendario no que filtrar os eventos, ademais de que non ofrece unha boa visualización en dispositivos móbiles.
  • Cómpre unha mellora no sistema de categorías e tags para poder organizar a información dentro do sitio web da mellor maneira.

Opennemas vs WordPress

Non nos entendades mal. Encántanos WordPress e usámolo case sempre. Pero tamén pensamos que é boa idea coñecer outros camiños que ademais se adaptan mellor ás necesidades e ao orzamento dos clientes. Poñémosvos dous exemplos reais.

  • Eulixe é un novo medio co que levamos traballando uns meses e cos que falamos, nun primeiro momento, sobre a súa páxina web. Escoller WordPress implicaba traballar e implementar un deseño adaptado ás súas necesidades –o que supoñía un investimento significativo para eles–, deseño que unha vez pechado, non pode variar. OpenNemas significaba escoller entre unha das plantillas adaptadas a medios de comunicación das que dispoñen e facer unha importación sinxela dos contidos da anterior web. O investimento foi moi inferior e as posibilidades son maiores porque, por exemplo, poden modificar o deseño da portada cando o necesitan.
  • Que pasa na Costa leva 13 anos recollendo a actualidade da Costa da Morte. Antes de traballar con Opennemas contaban cun WordPress ao que xa lle pesaban os anos e pagaba un prezo polo aloxamento moi elevado porque conta cun volume de visitas importante. Fíxose unha importación de contidos e agora contan cunha plataforma que lles permite traballar de maneira cómoda.

Primeiros pasos en Opennemas

A plataforma Opennemas, desenvolvida pola empresa ourensá Openhost, ten unha versión básica totalmente gratuíta, na que permite aos usuarios crear varios tipos de contidos como artigos, opinión, páxinas estáticas, comentarios ou categorías; así como contar cun xestor de portada, de widgets, menús e arquivos multimedia, ademais de utilidades tales como busca avanzada, papeleira e palabras clave. Podería ser unha desas ferramentas gratuítas que che facilitan a vida se estás iniciando proxectos no eido da comunicación.

O plan gratuíto inclúe:

• As primeiras 50.000 páxinas vistas por mes.
• Almacenamento de 500 MB para fotos e ficheiros con xestión do almacenamento a través dun disco duro na nube e replicación fotográfica por IPS.
• Infraestrutura de rede e seguridade da plataforma Opennemas.
E todo isto cun servizo de soporte técnico e de asistencia ao cliente vía e-mail ou incidencias.
Ademais, ofrece un gran abano de distintas plantillas para escoller a que máis se adapte ao tipo de contido de cada medio de comunicación.

Un paso máis sen grandes orzamentos

Opennemas é unha plataforma idónea para calquera que estea dando os primeiros pasos no xornalismo dixital, pero tamén para medios con máis percorrido e orzamento que queiran cambiar o xestor de contido que utilizan. Dispoñen de plans de prezos que se adaptan ás necesidades de cada usuario, e permiten a contratación de módulos personalizados como os de publicidade, axencias de noticias ou o xestor de enquisas, entre outros.

Xa son moitos xornais, moi distintos entre eles, que utilizan este CMS a nivel galego, como por exemplo Que Pasa na Costa, La Región, El Ideal Gallego ou Nós Diario.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia do usuario a través da súa navegación. Se continúas navegando aceptas o seu uso. mais información

Los ajustes de cookies de esta web están configurados para "permitir cookies" y así ofrecerte la mejor experiencia de navegación posible. Si sigues utilizando esta web sin cambiar tus ajustes de cookies o haces clic en "Aceptar" estarás dando tu consentimiento a esto.

Cerrar