Oficina Arela

Conversar e aprender: 3 exemplos de profesionais en corentena

A incerteza é o sentimento máis compartido entre profesionais coma nós durante estas semanas. A receita é a mesma para todas: adaptarse ás novas condicións, aproveitar a oportunidade e cambiar o que haxa que cambiar, e prepararnos para o día seguinte.

A nosa filosofía é a de traballar con profesionais cos que compartimos valores e dos que podemos aprender, cos que podemos sumar forzas. Hoxe traémosvos unha pequena conversa con tres deles para coñecer como é o seu día a día en corentena.

O equipo Ancora na feira MindTech

Alexandre Bastos (no centro da imaxe) é o CEO de Ancora, proxecto que nace na Universidade de Vigo. A súa tecnoloxía mellora a ergonomía dixital do traballador da industria mediante un dispositivo móbil e o seu software.

Cando lle preguntamos como se están a adaptar á nova situación contounos que “a nivel de procesos e ferramentas, Ancora xa tiña implantado traballo flexible, co cal o 99% do noso día a día xa era dixital e na nube. Fixemos algúns cambios específicos, como fixar unha reunión diaria técnica e unha de negocio, de media hora máximo, ao inicio da xornada, que nos está axudando a manter a conexión e a sincronización entre nós, e tamén a vernos as caras e falar un pouco todos os días”. Considera que “no positivo, hai menos distractores, maior concentración no traballo e iso se está notando no avance. No negativo, o confinamento empeza a pesar, despois de 3 semanas. Botase en falta saír e conectar de forma física con xente fóra da casa”.

Sobre como cambiou a empresa nas últimas semanas dinos que “se modificaron significativamente as prioridades a corto prazo da empresa. Demos moita prioridade a todo aquilo que nos permita adiantar ingresos para ter o máximo de tesourería canto antes, e asegurar a estabilidade financeira da compañía. Apuramos coas entregas e xestionamos pagos. En equipo, puxemos unha cadencia de traballo alta e constante, pero quitamos presións innecesarias, xa que os clientes ao redor tamén pararon”.

En canto ao equipo de traballo “mantemos a todo o mundo, e incluso crecemos nunha persoa esta semana. Iso si, estamos optando por fórmulas de contratación menos restrictivas no corto plazo, e pensando en ir consolidando todo conforme a situación se normalice”. Cos promotores e fundadores “mantemos unha comunicación moito máis diaria sobre a situación, e traballamos coordinados en ir abrindo portas para superar a situación”.

Pareceunos moi interesante que teñen aberta “unha liña de reflexión sobre como vai ser o post-coronavirus, para tratar de identificar as novas oportunidades e como Ancora cambiará para aproveitalas, como compañía e tamén dende o punto de vista do produto que ofrecemos ao mercado. O mercado non vai a ser igual. As prioridades da industria van cambiar”.

Por último, preguntamos polo comportamento ideal do sector e opina que “esta crise é unha oportunidade maior para aqueles que sepan cooperar. Que entendan que o minifundismo empresarial non é o camiño de nada, pero menos en este momento. É unha gozada ver como se van poñendo en marcha iniciativas de apoio cruzado entre empresas. É o camiño”.

Sede de Aralumen

Aralumen é unha empresa provedora de servizos de electricidade e telecomunicacións con sede en Fisterra, na Costa da Morte. Están moi afeitos a colaborar con outros profesionais para ofrecer un servizo máis completo. A súa maneira de traballar e de adaptarse poden ser un espello para moitas empresas.

Marcelino, o seu responsable, cóntanos que “nós xa nos atopabamos nun proceso de dixitalización do negocio. Estamos aproveitando estos días para definir que servicios podemos ofrecer integramente online sen ter que desprazarnos ata o local ou fogar do cliente. Principalmente son servizos enerxéticos para conseguir aforros nas facturas da luz e trámites como poden ser altas de luz, cambios de titular ou cambios de potencia. Tamén estamos preparando a plataforma para que os clientes poidan ver e contratar de forma moi sinxela os nosos servizos dende a nosa páxina web”.

A realidade cómpre mirala de fronte e no seu caso di que ao estar parada a hostalería, os seus ingresos caeron un 70%. “A semana pasada despedimos a dous empleados e a outro o baixamos a media xornada, ca esperanza de volver contratalos progresivamente cando todo empece a volver á normalidade”.  Que poden facer hoxe polos seus clientes? “Nestos momentos estamos tramitando baixadas de potencia e suspensións de servizos temporais a todos os nosos clientes de hostalería. Desa forma, o custo das facturas da luz dos seus negocios serán cero ou o mínimo posible mentras dure o estado de alarma”.

Redacción de Eulixe

Por último falamos con Juan Teixeira, fotógrafo e un dos membros de Eulixe, medio de comunicación de recente creación especializado en información e entretemento. Información, sobre todo, “que lles sobra” ás principais cabeceiras. Tampouco posúen a verdade absoluta, pero pasarse pola súa web é unha boa idea para ter un retrato máis completo do que está a acontecer.

No seu caso, o teletraballo xa estaba implantado antes; “Cada un dos integrantes de Eulixe ten a súa propia oficina na casa e estamos en contacto por Telegram, Skype e Slack. Existen moitas ferramentas que fan que sexa sinxelo traballar en grupo e a distancia”.

Nestas semanas o seu proxecto non cambiou. “Sempre tivemos claro que a nosa principal función era social, a nivel informativo. E aí seguimos. Si que é certo que o confinamento aumentou o tempo que a xente se conecta e a demanda de información e entretemento. E iso é o que nós facemos: informar e entreter. Así que supoño que é unha oportunidade de medrar para nós. Estamos aumentando o número de usuarios dende que comezou a crise”.

Arela e Eulixe compartimos o feito de traballar e comunicar nun entorno con demasiado ruído e desinformación. O reto é como convertir a rede nunha canle segura na que informar e informarse.  Para eles o camiño é “non apartarnos da nosa misión, converternos nunha canle que medre en seguidores e credibilidade”.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia do usuario a través da súa navegación. Se continúas navegando aceptas o seu uso. mais información

Los ajustes de cookies de esta web están configurados para "permitir cookies" y así ofrecerte la mejor experiencia de navegación posible. Si sigues utilizando esta web sin cambiar tus ajustes de cookies o haces clic en "Aceptar" estarás dando tu consentimiento a esto.

Cerrar