Arela comunicacion sostible

É tempo de parar, mirar e cambiar

Nas últimas semanas estivemos conversando en Arela sobre que podemos compartir con vós que vos resulte verdadeiramente útil. O que é seguro é que esta crise nos obriga a mirarnos ao espello; mañá seremos máis libres ca hoxe de construír o noso camiño como nos pete.

Quen sodes? Que facedes? Que queredes cambiar? O primeiro paso é parar, aproveitar este tempo para responder a estas preguntas. O seguinte atopar a maneira de chegar á xente que buscades.

A rede pode ser unha porta para a promoción e o desenvolvemento do voso negocio. E esta pode ser unha oportunidade para deixar de estar porque si, para investir tempo e esforzo en tarefas concretas que xeren un beneficio para vós.

Compartimos algunhas recomendacións que vos poden axudar durante e, sobre todo, despois de vencido o coronavirus. Para que vos recoñezades a vós mesmos e saibades como transmitilo.

10 recomendacións para acadar unha comunicación efectiva

1. Servizos

Imos meternos onde non nos chaman. Porque a vosa empresa é vosa e a nós tócanos respectar e contar. Pero pode que exista algún servizo que case non ofrecedes, que se pode eliminar (ou simplemente non contar) para transmitir unha mensaxe máis limpa e máis clara.

Moitas veces tamén nos pasa que queredes incluír dous tipos de produtos moi diferentes nunha mesma canle e entón pode que vos recomendemos crear dúas marcas. Soa como crear dúas empresas pero non ten nada que ver. Cómpre adaptarse á contorna dixital na que nos movemos, chea de ruído, na que debemos coidar que o que publiquemos resulte coherente e crible.

2. Públicos

Todos sabemos ou mellor dito, intuímos, cal é o noso público obxectivo. Aínda así, resulta moi útil categorizalo, identificar dous ou tres públicos diferentes para a vosa marca e pensar con que accións e mensaxes chegar a eles. Cales son os públicos dunha libraría? Estudantes, mestres e mestras, amantes da lectura (de diferentes idades), profesionais do sector da cultura, etc. Cales son os dunha axencia de comunicación? Botádesnos unha man?

3. Valores

En dúas liñas escribide que fai a vosa empresa e que a fai diferente ou, polo menos, vosa. “Produto ecolóxico con ingredientes recollidos na nosa contorna, respectando sempre a conservación do noso patrimonio natural”. “Empresa familiar con máis de trinta anos de historia que antes de vender, recomenda”. “Proxecto innovador e necesario para o desenvolvemento rural e social da nosa comarca”. Despois podedes traballar os valores un a un –sostibilidade, atención ao cliente coidada, compromiso co desenvolvemento social, etc.– e recoller as mensaxes para poñelos en valor.

4. Contidos

Xa vos contamos que na rede hai demasiado ruído. Para falar un pouco máis alto, é importante crear contidos diferentes e de calidade que empregar nun blog ou nunha páxina de Facebook, por exemplo. Ata aquí, palabras baleiras. Un exemplo práctico de contidos que poderiades crear:

  • Contratar unha sesión de fotos (ou facelas vós se podedes acadar un resultado profesional) do establecemento e/ou dos produtos. Útiles para a páxina web e as redes sociais.
  • Vídeo corporativo cos valores do proxecto. Útil para mellorar a visibilidade e o recoñecemento da marca nas redes sociais.
  • Dous vídeos explicativos dos servizos que ofrecedes (pode ser a modo de entrevista). Son útiles, por exemplo, para incluír no blog, ampliar a información dos mesmos con contido de texto e traballar no posicionamento en Google do negocio.

Para este ou para o próximo estado de alarma, pensade que podedes aportar a quen queda na casa –receitas, entretemento para nenos e adultos, sabios consellos para mellorar a comunicación dun proxecto, etc.– ou para quen debe ir traballar –consellos de saúde, información de axudas a traballadores, etc.–. Sobre isto hai un requisito imprescindible: sempre debemos comunicar sobre algo directamente relacionado ca nosa actividade. Senón é mellor non dicir nada.

5. Calendario

A finais de ano fixémosvos un agasallo que aínda podedes recoller: o calendario Arela 2020 cas datas importantes para a comunicación do teu proxecto. O calendario axuda para marcar algúns momentos do ano nos que ten sentido para cada un de nós facer un esforzo en comunicación e acadar os obxectivos: aumentar a comunidade de xente que nos segue, as vendas, a base de datos de subscritores, etc. En que momentos do ano pensades que tedes máis que dicir? Unha pista: no Nadal ou no Black Friday falamos todos a un tempo. Buscade outras datas máis persoais.  

6. Blog

Vós que pensades? Está de moda ou é un formato que xa non se leva? En calquera caso é un bo recurso, o mellor que nós coñecemos, para posicionar, para “aparecer”. Para que alguén que busca os vosos servizos vos atope a vós, o mellor é crear moito contido nun blog e facelo seguindo algunhas recomendacións de SEO básicas. Lembrade crear algunhas categorías para organizar o contido que publiquedes e para que quen vos visite poida navegar sen dificultade.

7. Canles

Xa que empezamos a repensar, podemos incluír tamén as canles nas que comunicamos: o blog que no que non publicamos moito, o perfil de Twitter con vinte seguidores (ou 233…) e actualizado por última vez hai dous meses, o boletín dixital que hai tempo non enviamos, etc. Pensade nos obxectivos –o blog para posicionar, as redes para gañar visibilidade…– e nas canles nas que vos sintades máis cómodas.

Canles propias, e alleas. Hai algún medio, xeralista ou especializado, no que se dea información sobre o voso sector? Con que actividade ou contido poderiades chamar a súa atención?

8. Recursos

Traballo + investimento = resultados. Todo son recursos, o tempo que investimos en desenvolver o traballo e os cartos que poidamos investir en anuncios de redes sociais ou en deseños que empreguemos para enriquecer unha campaña. A recomendación: pensar en canto podemos investir cada mes durante un período determinado de tempo. Parece obvio pero é o exercicio fundamental que case ninguén fai. Nós os primeiros.

9. Colaboracións

Sumar forzas con outras empresas ou profesionais é un recurso accesible que pode ser moi beneficioso para as dúas partes. Podedes conseguir visibilidade a través das súas canles, contidos para o blog e as redes sociais, desenvolver algunha actividade interesante para as persoas que vos seguen, etc.  

10. Medición

En Arela facemos bo equipo porque eu conto e Ana mide. Ás veces Ana conta e Ana mide. Pero medir hai que medir, senón é facer por facer que é o mesmo que non facer nada. Nas estatísticas que nos dan as redes sociais podedes comprobar como medra a vosa comunidade, cal é o seu perfil demográfico ou que contidos resultan máis interesantes. En Google Analytics podedes saber cantas visitas tedes ao voso sitio web e de onde veñen, ou controlar o número de vendas da vosa tenda e a procedencia dos compradores. Google ofrece cursos gratuítos en liña que vos poden resultar útiles para aumentar o voso coñecemento sobre o uso das redes sociais e outras ferramentas de comunicación.


Un dos principais beneficios desta crise é que poderemos ver con claridade que forma queremos darlle ao noso proxecto. Se ordenades os valores, pensades os contidos e buscades, por exemplo, algunha colaboración, crearedes unha marca forte e recoñecible.

Se chegastes ata aquí recolleriades algunhas ideas e algunhas dúbidas. Escribídenos en Facebook ou en Twitter e estaremos encantados de responder. Sumar forzas para seguir adiante.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia do usuario a través da súa navegación. Se continúas navegando aceptas o seu uso. mais información

Los ajustes de cookies de esta web están configurados para "permitir cookies" y así ofrecerte la mejor experiencia de navegación posible. Si sigues utilizando esta web sin cambiar tus ajustes de cookies o haces clic en "Aceptar" estarás dando tu consentimiento a esto.

Cerrar