Arela: especialistas en márketing de minifundios
Un minifundio é unha ‘propiedade rural ou explotación agrícola de pequenas dimensións’. En Arela presumimos de traballar dende dous polos do desenvolvemento tecnolóxico galego: Cee e Os Ancares. Se dicimos que contamos cas mellores infraestruturas e que aquí están os mellores profesionais do noso sector estariamos facendo algo que nunca se fixo neste sector, que é vender fume. Pero si que temos os medios e as ferramentas que necesitamos e si que se dan as condicións que buscamos para desenvolver o noso traballo.
Proxectos pequenos Vs proxectos de lugares pequenos
Para que un proxecto de comunicación funcione, a súa mensaxe debe estar conectada ca realidade que o envolve. Nós somos de lugares moi pequenos e traballamos en lugares moi pequenos. Canto máis nos afastamos deles máis recursos abandonamos e a nosa mensaxe perde forza e credibilidade cada kilómetro que pasa.
Un recurso é, por certo, unha ‘materia prima, fonte de enerxía, persoal, etc., necesaria para o desenvolvemento dun país, dunha actividade, etc.’: unha empresa que aposta por tirar proveito e respectar os recursos naturais do rural galego, profesionais tan listos coma nós que toman a mesma decisión –quedar– e cos que podemos sumar forzas, a xente que sempre estivo, á que debemos escoitar e da que podemos aprender.
Non importa moito se desenvolvemos un proxecto dende unha aldea ou dende unha cidade, se se trata dunha empresa grande ou dun autónomo. O requisito imprescindible é non esquecer nunca quen somos. Nós sabemos que ata na leira máis pequena pode darse unha idea que se a contamos ben e se administramos correctamente os recursos dos que dispoñemos, pode chegar ata onde a súa propietaria ou propietario queira.
O bo do márketing de minifundios non é só o aproveitamento dos recursos de cada lugar e a posta en valor de proxectos que están conectados co sitio no que foron creados. En Galicia, cada aldea, cada lugar pequeno, é apto para inspirar, respirar, compartir e crear como non se pode facer noutros lugares. Ademais, cun ordenador e conexión á rede –que é certo que non é pouco pedir nalgúns sitios–, non hai límites para traballar con calquera en calquera parte do mundo.
A nosa mensaxe chegou nestes meses a un ecommerce que vende en toda a península dende unha pequena vila galega, a unha asociación de empresarios da Costa da Morte que nos confiou unha campaña de promoción do pequeno comercio, ou a un mestrado da Universidade de Santiago que forma ás futuras e futuros xestores do noso patrimonio cultural.
Nós somos tan listos (ou algo menos) como os proxectos cos que traballamos. Porque se vós non coidades do voso minifundio, nós non temos nada que contar nin lugar dende o que traballar. O máis rendible, económica e socialmente, é ser coherentes con nós mesmos.